viernes, 29 de junio de 2012

Saimos no blog da biblio...

Rematado o curso e o proxecto dos contos, lembrades que fomos presentar os nosos traballos  para que formen parte de "Produccións Margarida"? E que a profe Amparo recompensounos agasallando unha axenda moi chula para cada un? Publicouse unha entrada no blog da biblio que trata o tema. Podedes acceder ao blog da biblio directamente premendo na imaxe.

miércoles, 27 de junio de 2012

Xogando en Cesantes

Pois non o soñara, alguén andaba a facer algunha foto mentres nós xogabamos. Graciñas profe Luisa!
Mirando as fotos non se entende moito o que facemos, pero o pasamos moi ben. Primeiro xogamos á bruxa virolla, xogo que consiste en que o que queda ten que chiscar o ollo e enfeitizar ás súas victimas sen que o vexan os demais, os cales caen ao chan. Hai que descubrir quen é a bruxa antes de que todos estén enfeitizados.
Logo xogamos aos espellos. Primeiro por parellas, despois en grupos pequenos e finalmente en dous grupos grandes. Para complicar aínda máis a cousa finalmente fixemos un círculo e por turnos eramos os xefes e diciamos o que tiñamos que facer todos á vez.



Xogos e recursos para o verán 1

Tale como avisei e aínda que a cabeza e o corpo piden descanso, de cando en vez este blog vai ser actualizado durante o verán. Nesta ocasión inauguro a sección de xogos para o verán un enlace a unha páxina de La Caixa que tamén publicou a miña compañeira Luisa. A que estades esperando para poñer aproba os vosos miolos?! Só tedes que premer na imaxe.

sábado, 23 de junio de 2012

Fin de curso...de conto!

Como remate de fin de curso fixemos unha saída conxunta dos terceiros acompañados da profe Ale, Luisa e a profe Amparo. Algún cativo preguntou pola profe Amparo no autocar. Ela saíra antes para facer os preparativos do xogo de probas que preparou con moito agarimo e entusiasmo para este día. Como non, o resultado foi insuperable, pois os xogos supuxeron usar os miolos, traballo en equipo, promoción da lectura, da creatividade e da imaxinación... Esta compañeira de educación física e responsable da biblioteca sabe moi ben o que fai. Grazas Amparo!
En resumo a actividade consistía en superar dez probas que había que atopar en sobres espallados por unha zona delimitada previamente por Amparo. Os equipos eran mixtos (3º A-3ºB) e tiñan que responder ante tres fadas madriñas: a profe Amparo, a profe Luisa máis eu. Cada vez que superaban unha proba "rescataban un conto". Na proba final, cos contos rescatados houbo que ordenar as palabras máxicas para romper o feitizo e poder abrir o cofre dos tesouros. Nel había unhas preciosas mochilas e chuches variadas para todos.
Logo da merenda era momento de xogo libre e o pasamos moi ben. Os cativos insistiron en que xogara con eles e así o fixen, polo que non teño fotos. Se algunha compañeira documentou o momento xa me ocuparei de subilas.
Fixen un video resumo pero hai poucas fotos  porque os nenos estaban espallados nunha zona ampla e había que supervisar en xeral máis ocuparse dos equipos dos que era fada madriña. Pero se algo temos claro e que experiencias deste tipo hai que repetilas no futuro.

viernes, 22 de junio de 2012

Últimos avisos, por se acaso...

Rematamos as clases e a pesar de que todos teñen gañas de vacacións a algún costoulle marchar hoxe do cole despois de pasar unha divertida e tamén esgotadora mañá na praia de Cesantes.
Hoxe din varios avisos aos cativos, pero dadas as emocións do día non sei se chegaron ou non ás casas, así que por se alguén ve o blog...
  • A miña intención era que levaran as fichas que fixeron ao longo do curso hoxe para casa e que quedaran só as libretas, pois estamos valorando cales podemos seguir empregando o vindeiro curso e é unha pena facer que carguen con elas dúas veces. O caso das fichas é distinto. Estívenas agrupando por alumno na casa pero hoxe ao coller as cousas para levar para Cesantes e os sobres coas notas esquecín collelas. Levareinas para o cole a vindeira semana; se alguén quere vir recollelas non haberá problema e senon as recollen en setembro. Disculpádeme polo despiste.
  • Nos próximos días irei subindo videos de saidas, traballos etc que por problemas técnicos ás veces e outros por falta de tempo todavía non están colgados.
  • O blog no verán...se cadra non ten vacacións. Non será diario pero estade atentos porque aparecerá algunha sorpresiña (ben unha vez á semana ou cada quince días). O mesmo sucederá en setembro nos días previos ao comezo das clases.
Como o blog non se despide non vos digo adeus, senon ata a próxima!

martes, 19 de junio de 2012

Concurso de fotografía

Como actividade final de curso os centros pertencentes a Agrupaciones escolares acordaron facer co seu alumnado un concurso de fotografía. Nós aproveitamos para ter un cursiño rápido do tipo de fotos que podiamos facer e fixemos o proxecto de acción o mércores pasado para executalo ao día seguinte. Onte, luns, fixemos a entrega dos diplomas polo traballo realizado, ademais de otorgar dous premios especiais:
  • Un para Marta de 3º A por ser a mellor visita sorpresa do curso.
  • Outro para a profe Ale e Luisa porque gracias a elas a titora sae en moitas fotos cos seus cativos.
Déixovos co video das obras nos nosos artistas. Está en castelán para que os nenos e profes dos outros centros o entendan.

A fuga do fideo

Unha mamá dun alumno do CRA de Teo escribiu un bonito conto titulado "A fuga do fideo". A profe Susana pensou que sería boa idea facer un conto accesible para todos: para cegos, para xordos, para paralíticos cerebrais... Así que para facer a versión en bimodal falou coa profe Alejandra, que se encargou desta parte do proxecto coa colaboración de Brais, Irea e Alba. Este é o resultado:

domingo, 17 de junio de 2012

Unha foto, coa foto

Este curso o agasallo polo día da árbore foi unha foto de recordo. Así que, para recordalo tamén fixemos unha foto, coa foto.

jueves, 14 de junio de 2012

Diálogos de conto

Tal  e como avanzara anteriormente andivemos aproveitando actividades pendentes da área de lingua para traballalas dun xeito "diferente". No caso do diálogo aproveitamos para traballalo con persoaxes de distintos contos que tiñan cousas das que falar. Espero ter rematado nuns días o libro cos traballo, pero o que si rematamos foron as grabacións dos diálogos. Tendo en conta que os cativos ensaiaron nas súas casas e que no cole simplemente grabamos está claro que temos madera de artistas na clase. Xa estou pensando en como explotar ese talento o vindeiro curso...
Nada de falar do futuro cando aínda non rematou o presente curso. A disfrutar co video!

viernes, 1 de junio de 2012

Problemas, problemas e máis problemas (pero matemáticos)

Ou ben o luns 11 ou o martes 12 de xuño haberá un control de problemas. Aparte dos problemas que fagamos na clase e dos que levedes para a casa tamén podedes prepararos para o control por medio do blog. Na páxina de mate hai novos recursos para practicar os problemas (27-33) e o 34 para repasar o curso. Xa sabedes onde están asi que, adiante!

Fin da lectura silenciosa

Hoxe rematamos por este curso o PLSS: Plan de Lectura Silenciosa Sostida. Hai que recoñecer o bo é o malo e, se ben os cativos da Reboraina non se caracterizan por ser tranquiliños e estar sempre atentos, o certo é que non teño queixa do seu comportamento durante a lectura silenciosa dos xoves e dos venres (e sei por un paxariño que son do melloriño no cole neste aspecto). A ver se iso se traslada a outros momentos da semana e se xeraliza.
Como todos os cursos o acto de clausura da PLSS consistiu en compartir ese silencioso momento de amor á lectura, de alimento da nosa imaxinación, de engrase dos nosos cerebros...ao aire libre. Os cativos tiveron a misión de buscar un sitio axeitado durante o recreo. Velaí os tedes!