sábado, 22 de diciembre de 2012

Fin do trimestre, blog e axenda de Nadal

Remataron as clases por unha tempada cunha fin de festa espectacular: festival de panxoliñas e merenda de gala. Estou moi orgullosa dos cativos, pois estiveron á altura nos dous eventos. Como comprenderedes estes días son especiais así que, ainda que sei que moitos están desexando que suba videos coas fotos non empezarei a facelo ata pasado o 25 de decembro. A partir dese día irei subindo todo o que falta para ter o blog ao día á volta das vacacións: revista de aula, últimas lecturas de nadal, traballos dos nenos, festival...
Por último comparto con vós información sobre actividadades que se van desenvolver durante as festas. Giovanna enviouma o xoves, pero cos preparativos finais e compromisos persoais de onte non tiven tempo ata agora de compartila:
  • Dende hoxe ata o 4 de xaneiro a tradicional carpa de Nadal estará na Praza da Casa da Torre. Coma sempre, chea de festas, obradoiros...e todo aquelo co que os nenos e nenas poidan disfrutar.
  • O entorno do Palco de Música da Alameda tamén contará con actividades para os pequenos e con descontos de ata o 50% nos postos dos comercios locais.
  • Estade pendentes da programación do Multiusos da Xunqueira, pois contará con actuacións e espectáculos para todos os gustos.
  • Vigolandia, do 26 ao 30 de decembro. (Premede no enlace para acceder a máis información).
Felices festas e ata a próxima semana (no blog, jejeje)

lunes, 17 de diciembre de 2012

Intelixencia emocional: campamento de nadal

Giovanna envioume información sobre un campamento de nadal relacionado coa Intelixencia Emocional, que se celebra en Vigo, por se é do voso interese. Só tedes que  premer no título dos distintos documentos para acceder a eles:

domingo, 16 de diciembre de 2012

Lecturas de nadal 2

Segunda edición das lecturas de nadal. Nesta ocasión subo ao blog os videos das lecturas que fixeron Lucía, Alba, Diego e Irea. Como noutras ocasións, para evitar que o blog tarde en cargar, no lugar de ver os videos directamente tedes que premer no título do video que queredes ver para acceder a el.

miércoles, 12 de diciembre de 2012

Curiosidades sobre os sentidos

Alégrame comprobar que, coma sempre, os cativos da Reboraina queren saber máis cousas relacionadas co tema dos sentidos das que propón o libro. Aínda que hai moito contido que non entra no control subín á páxina de recursos de CM varios videos para dar resposta a esas preguntas. Verémolos e comentarémolos na clase pero quedan aí para que os vexades as veces que querades.

lunes, 10 de diciembre de 2012

A nosa árbore de nadal

Graciñas ás familias pola vosa colaboración no adorno da árbore de nadal con material de refugallo. Con todas elas fixemos unha gran árbore que decora o corredor. Déixovos co video onde podedes ver os traballos de todos e o resultado final.
Se vos gusta a canción do video e queredes aprendela premede no título e accederedes a un video-karaoke: The Dancing Christmas Tree


A nosa árbore de nadal from oscativosdareboraina on Vimeo.

sábado, 8 de diciembre de 2012

Lecturas de Nadal

Novo mes, nova actividade voluntaria. Xa que estamos en decembro que mellor que preparar unha lectura de nadal para compartir cos compañeiros, non si? Nesta ocasión as normas son dúas:
  • Procurar que o texto escollido non exceda dos 5 minutos.
  • Traer algo para ambientar: ben para poñer un mesmo ou para adornar a zona onde se vai ler a lectura. Os preparativos previos á lectura na clase non deben exceder dun minuto, esa é a única condición. O resto queda en mans da vosa creatividade.
Como non parades ata que aparezo no blog, decidín facer eu a lectura inaugural e de paso descubrir a miña faceta como Mamá Noel. A segunda lectura correu a cargo de Marta, quen se anima a ser o/a seguinte? Lembrade que tedes ata o último día de clase do trimestre para participar nesta actividade.
Para que non tarde tanto en cargar a páxina principal do blog non insertei os videos. Pero só tedes que premer no título do video que queredes ver e accederedes directamente.

Revista de aula nº 7

Revista nº 7

"La llorona"

Fai uns días, a petición dunha alumna, baixei á aula de música a grabar mentres cantaban a canción "La llorona". Como a profe Isabel tamén estaba interesada no video e pode que o resto dos cativos tamén, decidín subir o video ao blog.

La llorona from oscativosdareboraina on Vimeo.

martes, 4 de diciembre de 2012

Máis recursos no blog

Na sección de CM tedes novos recursos relacionados co tema da reproducción que acabamos de rematar e que nos poden servir para ter as cousas un pouquiño máis claras. Algúns deles xa se subiran ao blog o curso pasado pero otros non. Verémolos na clase tamén, pois nos servirán de repaso para o control do venres.

lunes, 3 de diciembre de 2012

O elefantiño rosa

Despois de ler Rosa Caramelo fixemos varias actividades. Unha delas foi cambiar o conto partindo do feito de que nacera un elefantiño macho de cor rosa. Os Galácticos decidiron que ían representar para todos a súa versión. Este foi o resultado:


O ELEFANTIÑO ROSA from oscativosdareboraina on Vimeo.

Fin das lecturas terroríficas

Co remate do mes de novembro finalizan tamén as lecturas terroríficas. A última lectora en facernos morrer de medo, ou de risa, foi Marta. Déixovos co video:

O monstruo do armario from oscativosdareboraina on Vimeo.

domingo, 2 de diciembre de 2012

Disculpas

Entre o atraso acumulado, unha axenda apretada e un bo trancazo están pendentes de publicar varios números da revista. Non me daba tempo a facelo todo, así que prioricei a subida duns videos dos cativos antes que o da revista. A ver se nesta semana por fin me poño ao día!

domingo, 25 de noviembre de 2012

Dia internacional contra a violencia de xénero

Hoxe celébrase o día internacional contra a violencia de xénero. Aparte do taller de integración afectiva que tivemos esta semana para previr a violencia de xénero imos facer varias actividades a partires de mañá relacionadas tamén co tema:
  • Actividades ao redor do conto "Rosa caramelo" (premer na imaxe da portada do libro) propostas polo blog  "Educando en igualdade".
  • Análise e comentario do dicionario coeducativo para nenos e nenas (premer na imaxe da portada do dicionario para acceder a el).



sábado, 24 de noviembre de 2012

Revista nº 6

Como di o refrán, mais vale tarde que nunca. Sinto a tardanza pero problemas coas novas tecnoloxías e axendas moi apretadas poden provocar pequenos atrasos. A ver se por fin ao longo destos días consigo poñerme ao día (ainda que xa non me atrevo a prometer nada).

Revista nº 6

Caño cristales

É a terceira vez que intento subir esta fermosa presentación que os cativos queren poder ver nas casas. Fíxeno doutro xeito, espero que esta sexa a vencida, porque non sei que máis facer.

A importancia de beber auga

Ás veces unha imaxe, e os carteis que a acompañan, valen máis que mil explicacións.

viernes, 23 de noviembre de 2012

Loitando contra as barreiras de comunicación

Hoxe tivemos no centro unha charla sobre as persoas xordas a cargo de Camilo, membro da Asociación galega de persoas xordas, e coa axuda do seu intérprete Iago. Nós xa sabiamos moitas cousas da linguaxe de signos pero aprendemos moitas cousas sobre o día a día das persoas xordas.
Cara o final da charla vimos un video sobre as barreiras de comunicación titulado "O sono de Pedro". Cando voltamos a clase preguntáronme se tiñan que facer unha redacción sobre a charlan e eu dixen que dependía de si sabían respostar á miña pregunta: Nós tamén loitamos contra o xigante das barreiras de comunicación, como o estaos a facer? Os tres equipos deron coa resposta: aprendendo linguaxe de signos para poder entender mellor aos alumnos do centro que a usan como lingua única, aínda que non sexan xordos. Noraboa!
Por se queredes volver a ver o video aquí o tedes, xa sabedes o que hai que facer, non?

miércoles, 21 de noviembre de 2012

O Nadal chega a Vigo

Alégrame ver como as familias se animan a colaborar co blog. Neste caso é a familia de Alba a que quere compartir con nós unha información. Este venres 23 no Corte inglés e con motivo da inauguración do alumbrado navideño haberá unha serie de actos que poden ser moi divertidos para os rapaces: invitados máxicos, chegada de Papá Noel, música, baile...e moitas sorpresas. Se premedes na imaxe accederes ao cartel que enviou a nai de Alba con toda a información das actividades e horarios.

martes, 20 de noviembre de 2012

Máis recursos de lingua e de CM

Xa tedes na nosa web novos recursos cos que repasar. Nesta ocasión subín enlaces relacionados cos seguintes temas:
  • Na sección de linguas subín recursos relacionados coa acentuación (tanto en galego como en castelán). Ao longo desta semana subirei máis, relacionados cos diptongos e os hiatos.
  • Na sección de CM subín enlaces a videos relacionados co aparato circulatorio e o excretor.

domingo, 18 de noviembre de 2012

Menú saudable

Como práctica do tema da dieta e da nutrición o alumnado tivo que preparar un menú saudable para as merendas dunha semana. Estas merendas tiñan que incluir alimentos dos tres tipos cada día (enerxéticos, constructivos e reguladores) e non podían repetir alimentos. Cumplir co menú acordado terá premio individual e de equipo.
Sairon combinación ás veces un pouco raras, pois non están afeitos a facer esto e parece que non hai alimentos suficientes para toda a semana. En próximas edicións seguro que a cousa sae moito mellor.
Premendo na imaxe accederedes aos menús que acordaron.

jueves, 15 de noviembre de 2012

Novidades na páxina de recursos

Xa podedes acceder a novos recursos na nosa páxina:
  • Mate: para repasar a multiplicación (8, 9 e 10).
  • CM: para repasar os tipos de alimentos (7) e para repasar o aparato respiratorio (8 e 9)

miércoles, 14 de noviembre de 2012

Taller de cociña 2: Saquiños de xamón e queixo

Taller de cociña 2 from oscativosdareboraina on Vimeo.

Felicidades Marcos!

Click to play this Smilebox greeting
Create your own greeting - Powered by Smilebox
This free digital greeting personalized with Smilebox

SAÍDA AO FAMILIA

Teño problemas de novo "coas novas tecnoloxías" polo que esta semana as cousas van cun pouco de atraso (videos das actividades e revista da semana pasada, publicacións desta semana...). Espero poder poñerme ao día nestes días.

domingo, 4 de noviembre de 2012

Lecturas terroríficas 2

Esta é a segunda edición das lecturas terroríficas. Lembro que durante o mes de novembro todos aqueles que queran buscar unha lectura de medo e compartila con nós poden facelo. A ambientación corre da miña conta.
Como son tres videos, para evitar que o blog tarde moito en cargar, no lugar de insertar os videos simplemente enlaceinos. Só tedes que premer no título do video que queredes ver para acceder a el.

Portfolio Europeo das linguas

Aínda que non sabemos se fomos admitidos, o certo é que xa empezamos a facer actividades relacionadas co Portfolio, pois xa era algo que faciamos o curso pasado.
Unha das actividades é dicir a data todos os días en bimodal, coa novidade de que este curso unha semana a dicimos en castelán, outra en galego e a seguinte en inglés, e volvemos a empezar outra vez.
Unha actividade que xa se fixera o curso pasado é a de cantar e signar ao mesmo tempo. Pois xa temos a primeira canción deste curso: Fun ao mercado. Faremos varias actividades a partires desta canción, pero para iso hai que aprender ben a letra mais os signos que a acompañan. A profe Alejandra ensinounos esta semana como signala e eu colguei o video na nova sección da web de recursos adicada ao portfolio. De agora en diante irei subindo aí tanto os recursos que necesitemos para traballar como o resultado das actividades que fagamos, así que visitade a páxina con frecuencia.

Revista de aula

REVISTA DE AULA Nº 5

Festa do Samaín

Este curso celebramos o Samaín na nosa aula dun modo distinto: maquillaxe vampírica, taller de cociña terrorífica, brinde e banquete. Este é un video-resumo da nosa festa. Foi unha pena que Jose e Julen faltaran. Pero aínda quedan moitas cousas que celebrar.

lunes, 29 de octubre de 2012

Lecturas terroríficas

O pasado venres propuxen na clase unha actividade voluntaria: escoller un relato curto de medo (dúas ou tres follas) e preparalo para ler diante de toda a clase. Hoxe puidemos inauguras as "Lecturas terroríficas" gracias a Lucía, que leu para nós un relato titulado "El conde Drácula". A profe encargouse de crear unha atmosfera axeitada para a lectura. Velaí o resultado!

domingo, 28 de octubre de 2012

Caño cristales

Esta semana a familia de Sara envioume un correo cunha presentación espectacular sobre un río colombiano. Deixoume sin palabras e espero que a vós vos suceda o mesmo.
Se algunha familia atopa na rede algunha curiosidade que pense que nos poida interesar non dubidedes en compartila enviando o enlace ao correo do blog. Eu estarei encantada de publicala. Gracias pola vosa colaboración.

Taller de manualidades do Samaín

Fixemos un taller de manualidades en colaboración con infantil e o outro 4º. Como cada equipo estivo nunha aula distinta non hai forma de ter fotos de todos, así que decidín poñer nesta entrada todo o que publiquen as miñas compañeiras para ter visión de conxunto.

1ª Semana da froita

Durante estes días celebramos a nosa 1ª Semana da froita. Quero felicitar a todos os cativos, porque sei que hai algúns mal comedores  fixeron un esforzo moi grande por tomar a froita correspondente ao dia. Na segunda semana, que será en maio, non espero menos de vós.

Revista de aula nº 4

Revista nº 4

miércoles, 24 de octubre de 2012

Recursos sobre nutrición e dixestión

Xa están subidos á nosa web seis recursos para complementar o repaso que estivemos facendo durante esta semana do tema da alimentación e a nutrición. Algúns xa estaban colgados o curso pasado e outros non.
Coma sempre, podedes ir á web ou premer na imaxe e acceder directamente.

Día das bibliotecas escolares

Hoxe celebramos o día das bibliotecas escolares. En breve empezaremos coa mochila viaxeira, cos préstamos no recreo e cos préstamos de aula. Neste sentido hai dúas novidades:
  • O día de préstamo nos recreos será durante este curso, e para o segundo ciclo, os xoves.
  • A visita semanal á biblio da nosa titoría será os luns a primeira hora.
O lema deste curso é "Biblioteca escolar, acelerador de innovación". Se cadra nas estradas non debemos correr, pero pola contra si para mellorar, para innovar, para crecer como persoas con espíritu crítico e inquedanzas de todo tipo. E a nosa "gasoliña" para poder facer esa viaxe é, sen lugar a dúbidas, a lectura.

miércoles, 17 de octubre de 2012

Novos recursos

Xa podedes atopar na nosa web de recursos:
  • Dous novos enlaces para repasar mate: un de sumas e restas e o outro de rectas e ángulos.
  • Varios enlaces de LC e LG relacionados cos contidos que imos traballar no tema 2 que empezamos esta semana.
Xa sabedes onde hai que ir, non si?

sábado, 13 de octubre de 2012

Aprendendo as provincias

Hai moitos que xa aprenderon as comunidades e outros que deben seguir traballando un pouquiño máis. Como xa sabedes, o seguinte paso é aprender as 50 provincias de España. Déixovos con este xogo que vos pode ser útil para practicar. Tamén tedes o enlace na web de recursos.

Test de comprensión lectora

A única maneira de mellorar as nosas habilidades lectoras é lendo e comprobando o que entendemos. Déixovos un enlace a unha serie de tests para facer online, nun máximo de 12 minutos cada un. A ver que tal se vos dan! Porei o enlace na web de recursos tamén, pero de momento podedes acceder directamente premendo na imaxe. xa me contaredes os vosos resultados.

viernes, 12 de octubre de 2012

MinerVigo: minerais, fósiles e xemas

Dende o xoves 11 ata o domingo 14 deste mes, en horario de 11 a 14h e de 17 a 21 h podedes visitar gratuitamente, no salón de actos da Estación Maritima de Vigo, a exposición MinerVigo  (XV Edición). Alí poderedes disfrutar de máis de 15.000 pezas, nas que se inclúen minerais, fósiles e xemas.


Día de Hispanidade

Hoxe celebramos o Día do descobremento de América, acontecemento que, como estudiamos en CM, deu paso ao inicio da Idade Moderna. Déixovos cun enlace para saber un pouquiño máis desa viaxe que fixo Cristobal Colón. Só tedes que premer na imaxe.

lunes, 8 de octubre de 2012

Unha ollada ao verán de...Julen

Con este video rematamos por este curso a sección "Unha ollada ao verán de...".

domingo, 7 de octubre de 2012

Excursión ao P.A.A.R

O venres fixemos unha saída para visitar o parque arqueolóxico de arte rupestre de Campolameiro. A visita constou de tres actividades:
  • Visita guiada á exposición interior (na que está prohibido sacar fotos).
  • Visita guiada a tres dos petroglifos do parque máis a unha reconstrucción dun poboado.
  • Obradoiro de pan.
Este é un video-resumo da experiencia vivida na primeira saída do curso.

Primeira lectura silenciosa do curso

Lectura e silencio. Simplemente perfecto. Seguide así!

Feliz aniversario Irea


sábado, 6 de octubre de 2012

Primeiro número da revista

Aquí temos o primeiro número da nosa revista de aula (só tedes que premer na imaxe). Para ser o primeiro non está nada mal, aínda que hai cousiñas que traballar. Por exemplo, cada número é responsabilidade dun equipo e aínda que cada membro ten unha tarefa específica asignada, todos os memnros deberíanse comunicar ao longo da semana para saber de que anda a escribir cada un deles e non ser repetitivos. Pero como xa dixen, son pequenas cousiñas que iremos resolvendo sobre a marcha, noraboa!

Revista de aula (semana 1)

Primeiras veces...

Ao longo desta semana produciuse "o inicio" de distintas actividades que se van seguir facendo ao longo do curso:
  • Primeiro aniversario: Felicidades Irea!
  • Primeira semana de seguemento meteorolóxico, coa novidade de signar a data do día á vez que falamos, cada semana nun idioma distinto.
  • Primeira lectura silenciosa.
  • Primeiro número da revista da aula, a cargo dos "Galácticos".
  • Primeira saída do curso, concretamente ao Centro de Interpretación da Arte rupestre de Campolameiro.
Son moitas "primeiras veces" das que dar conta, pero intentarei facelo ao longo desta fin de semana.

As comunidades autónomas

Esta semana empezamos o tema do territorio. Un dos contidos a traballar é o das comunidades autónomas que forman España. Levades uns días repasando na casa e agora é o momento de comprobar o que xa sabedes. Déixovos dous xogos para facelo (tamén na web de recursos).


martes, 2 de octubre de 2012

Este venres toca...EXCURSIÓN!!!!!!!!

Este venres imos de excursión ao Centro de interpretación da Arte rupestre de Campolameiro. Para que vos fagades unha idea do que imos ver alí só hai que botarlle unha ollada a este video.
Ademais, na web de recursos tedes dous novos enlaces a webs onde poderedes ver imaxes de megalitos e petroglifos galegos. 

lunes, 1 de octubre de 2012

A romanización...das matemáticas

Tedes na web de recursos dúas novidades:
  • Unha páxina na que podedes ver a numeración que empregaban distintas civilizacións antigas.
  • Unha web para practicar cos números romanos.

miércoles, 26 de septiembre de 2012

Secuencias temporais narradas

Moitas veces cando contamos por escrito sucesos acontecidos nunha determinada secuencia temporal esquecemos ordenalos, poñer puntos e comas e enlazalos coas palabras axeitadas. Pois precisamente mellorar na escritura deste tipo de textos é o obxectivo das primeiras sesións dobles de expresión escrita que empezamos mañá, e que terán lugar todos os xoves lectivos do curso.
Déixovos cuns exemplos do tipo de traballo que imos facer.


domingo, 23 de septiembre de 2012

Prehistoria e Idade Antiga

O venres presenteivos a nova web de recursos da aula. Xa subín a ela algúns recursos de todas as materias. Os últimos foron dous recursos en galego (por fin imos atopando cousiñas, xa era hora!) para traballar a Prehistoria e a Idade Antiga. Podedes acceder dende aquí, premendo nas imaxes, ou dende a nosa web de recursos.


sábado, 22 de septiembre de 2012

Primeiros negativos...

Durante o último trimestre do curso pasado aumentamos o número de veces nas que o alumnado facía uso do boli vermello para corrixir os seus traballos (eu corrixo en verde). Como sempre di a profe, neste o momento o importante xa non é o número de erros que tiveches, senón estar ben atentos para non deixar nada sen corrixir na ficha ou libreta. Todo, absolutamente todo, se escribe no encerado, así que ninguén pode dicir que non sabía como se escribía tal cousa ou tal outra. Ademais de invertir un precioso tempo en facer estas correccións na clase, a profe volve a corrixir os traballos para comprobar o que fixeron os cativos e se hai algo sen corrixir pon un negativo. Ademais, lembra esto antes de empezar a actividade e durante a mesma. Pero segue chegando a casa e atopando cousas sen corrixir. Onde estaban esas cabeciñas? Dende logo non no que tiñan que estar. 
O xoves fixemos a nosa primeira corrección e xa houbo quen estrenou o seu cupo de negativos (puxen cinco en total). A miña ilusión é rematar o curso sen ter que poñer negativos por este motivo. Serán os meus alumnos capaces de facer ese agasallo á profe? (que en realidade é un agasallo para si mesmos).

Unha ollada ao verán...de Irea

martes, 18 de septiembre de 2012

Web de recursos da aula

A profe anda tola! Non me chegaba con ter o tinglado montado do curso anterior e levo dúas horas creando unha google site mentres lía as instruccións de como se facía. Así que supoño que o que me levou tanto tempo seguro que é cousa de dez minutos para os expertos, pero xa sabemos o que son as primeiras veces. O caso é que decidín cambiar o formato no que recollo os recursos que vou subindo ao blog. No lugar de ter as páxinas por materia do curso pasado creei unha web chamada Recursos da aula á que tedes acceso premendo no primeiro icono que aparece na banda da esquerda. Unha vez aí tedes que ver que debaixo da páxina principal están as distintas áreas escritas en letra azul. Só hai que premer na que queres visitar e chegarás a un listado de recursos organizado por bloques temáticos. Xa me contaredes que vos parece esta nova disposición. De momento non elimino nada do curso pasado que quedará onde estaba, pero todo o novo subirase a este espacio.
Por ser o día do estreno tamén podedes acceder premendo na imaxe inferior. Aproveitade para ver os recursos que colguei para traballar a historia e o tema 1 de mate, e que tamén miraremos na clase.

QUENTANDO MOTORES...

Entramos na segunda semana de clase, e a primeira que vai ser completa de luns a venres. Se ben pasamos os tres primeiros días bastante lixeiros onte superamos O PEOR DÍA DO CURSO. Había que facer as avaliacións iniciais e non ten sentido facelas despois de que empecemos a traballar en serio para axudar a lembrar o esquecido durante o verán. Ao contrario, teñen que facerse antes de mepzar a traballar para ver o que se perdeu estes meses, porque iso indica que non estaba afianzado. Foi unha mañá moi dura pero...o peor día do curso rematou!!!
Así que se onte era o peor día que podían ter, hoxe, por moi malo que fose sempre sería mellor, non si? Entendendo o esforzo do luns programei a actividade de hoxe para que fose máis fácil de levar. Se a profe apreta moito un día, afrouxa ao seguinte.Non é que non traballaramos, pero o fixemos doutra maneira, con moito traballo oral e de pizarra. Ademais, estreamos os libros de LG, CM e Mate que tanto tempo levou forrar.

martes, 11 de septiembre de 2012

Unha ollada ao verán...de Sara

Tal e como avancei durante o verán, os que queiran poder enviar unha selección das fotos dos mellores momentos que pasaron no verán para compartir co resto. A primeira en animarse foi Sara, que mañá nos explicará onde foron tomadas as fotos do video e que fixo alí. Alguén máis se anima?

jueves, 6 de septiembre de 2012

O mércores 12 empezan as clases

Este é un aviso importante. Xa me topei con varias personas convencidas de que as clases empezaban o próximo luns 10, pero esa información é incorrecta: as clases EMPEZAN O MÉRCORES 12.
Aínda que imos traballar o calendario escolar do presente curso os primeiros días e os cativosvan levar esa información para a casa, por se tedes curiosidade e non podedes esperar, déixovos o enlace á web da xunta onde aparece o devandito calendario. Espero que vos sexa de utilidade. Só tedes que premer na imaxe.


Lembranzas: excursión á DOMUS

Ola de novo! Se facedes memoria o blog marchaba bastante ben ata que o ordenador dunha servidora decidiu averiarse cando nin sequera cumplira un ano. Así que de novembro a xaneiro quedaron moitas cousas sen subir e cando puiden retomar, máis ou menos, a normalidade do blog, que facer?: invertir tempo en colgar o atrasado ou mantelo actualizado. Decidinme polo segundo, así que agora, antes de que empece un novo curso para os cativos (para os mestres xa empezou) vou subir algúns videos que quedaron pendentes.
Espero non volver ter problemas coas tecnoloxías na casa porque levar o blog dende o cole resulta imposible para min. Pero non podo prometer o que non está na miña man. De momento, disfrutade lembrando a nosa visita á Casa do Home.


jueves, 30 de agosto de 2012

CONTA ATRÁS...

Cada vez queda menos para que empece o curso, de feito os mestres temos que empezar a traballar o próximo luns 3 de setembro, aínda que os cativos tedes vacacións todavía ata o día 12. Hoxe vouvos deixar cun novo enlace para traballar a comprensión lectora e outro para repasar as mates. A vindeira semana empezarei a subir videos de distintas actividades que polos problemas co ordenador non puiden subir no seu momento. Así nos servirá para lembrar actividades do curso pasado e quentar motores para o que vai comezar.

miércoles, 8 de agosto de 2012

Lecturas comprensivas

Xa sei que levaba un tempo sen escribir no blog, pero as vacacións son as vacacións e ás veces o tempo pasa máis rápido do que pensamos... Eu estou a ler moito neste verán e espero que vós tamén. O caso é que tan importante é ler como entender o que estamos lendo, verdade? Para comprobar se isto se cumple no voso caso déixovos cun enlace no que hai tres lecturas con preguntas sobre elas. A ver que tal o facedes!

Comparte as túas vacacións...

Se alguén está a facer algunha viaxe ou actividade interesante durante estas vacacións e quere compartir a súa experiencia co resto dos cativos da Reboraina pode enviar fotos ao correo do blog explicando onde está e que está a facer e eu publicarei un video con elas para que as podamos ver todos.

martes, 17 de julio de 2012

PROXECTO SOLIDARIO

A profe Luisa, por casualidade, atopou hoxe na páxina de Redondelatv un proxecto solidario para axudar a recaudar fondos para Aldeas Infantiles.
Trátase dunha iniciativa en internet, onde xogando ao SCRABBLE (Apalabrados) online se doa 0,01€ por cada punto que consigas a Aldeas Infantiles.
Para que poidades xogar sen necesidade de rexistrarvos a profe Luisa xa abriu unha conta a través da que podedes xogar. O nome de usuario é manantial e o contrasinal tamén é manantial.
Cantas máis palabras acertedes máis cartos conseguiredes, así que animádevos a xogar xa que ao tempo que pasades un bo rato axudades a esta asociación tan próxima a nós.

A XOGAR!


domingo, 15 de julio de 2012

Novidades no blog

Durante o curso ás veces o día a día fai que non de tempo a subir determinadas cousas ao blog ou que non se fagan actualizacións nas seccións, disposición das mesmas etc. Pero estamos no verán e, sin presa pero sin pausa, van  ir aparecendo pequenos cambios no blog (espero que para mellor). O primeiro deles é a inclusión, na columna da dereita, da sección DICIONARIOS, onde podedes acceder aos das respectivas academias da lingua galega e da española, así como ao traductor da Xunta. Espero que vos gusten e vos sexan de utilidade!

Galicia en fotos

Ás veces coñecemos máis o de fóra que a nosa propia terra. Para dar ideas aos que viaxan ou para que os que non poden teñan oportunidade de coñecer máis cousas de Galicia, aquí vos deixo o enlace á sección "Galicia en fotos" da páxina web de educación do concello de A Coruña. Só tedes que premer na imaxe.

sábado, 7 de julio de 2012

O noso último traballo

Como xa fixemos un video do traballo dos diálogos dramatizados penso que non é necesario poñer outro co resultado en formato papel. Así que pode dicirse que o video "14 HADAS MADRINAS + 1 HADO PADRINO" é o do noso último traballo. Aparecen todas as descripcións e debuxos pero só unha imaxe de como quedaron montados os sobres coas cartas porque senón o video quedaría moi longo. Por fin xa está encadernado e o vindeiro curso poderemos curiosear nel con máis calma.


miércoles, 4 de julio de 2012

Recursos para o verán 3: pasatempos

Moitas veces non nos decatamos de que os pasatempos son algo máis que unha forma de estar entretidos durante un rato. De feito a maioría deles implican traballar a atención e a memoria o cal nos ven moi ben para manter o noso cerebro activo durante o verán, pero dun xeito máis divertido. Velaquí vos deixo un enlace a uns pasatempos da "Junta de Castilla y León". Coma sempre, só tedes que premer na imaxe.

martes, 3 de julio de 2012

Recursos para o verán 2: ortografía

Non ven mal repasar un pouco as normas ortográficas de cando en vez. Velaquí tedes un enlace a unha actividade da zona clic onde podedes facelo. Só tedes que premer na imaxe.

viernes, 29 de junio de 2012

Saimos no blog da biblio...

Rematado o curso e o proxecto dos contos, lembrades que fomos presentar os nosos traballos  para que formen parte de "Produccións Margarida"? E que a profe Amparo recompensounos agasallando unha axenda moi chula para cada un? Publicouse unha entrada no blog da biblio que trata o tema. Podedes acceder ao blog da biblio directamente premendo na imaxe.

miércoles, 27 de junio de 2012

Xogando en Cesantes

Pois non o soñara, alguén andaba a facer algunha foto mentres nós xogabamos. Graciñas profe Luisa!
Mirando as fotos non se entende moito o que facemos, pero o pasamos moi ben. Primeiro xogamos á bruxa virolla, xogo que consiste en que o que queda ten que chiscar o ollo e enfeitizar ás súas victimas sen que o vexan os demais, os cales caen ao chan. Hai que descubrir quen é a bruxa antes de que todos estén enfeitizados.
Logo xogamos aos espellos. Primeiro por parellas, despois en grupos pequenos e finalmente en dous grupos grandes. Para complicar aínda máis a cousa finalmente fixemos un círculo e por turnos eramos os xefes e diciamos o que tiñamos que facer todos á vez.



Xogos e recursos para o verán 1

Tale como avisei e aínda que a cabeza e o corpo piden descanso, de cando en vez este blog vai ser actualizado durante o verán. Nesta ocasión inauguro a sección de xogos para o verán un enlace a unha páxina de La Caixa que tamén publicou a miña compañeira Luisa. A que estades esperando para poñer aproba os vosos miolos?! Só tedes que premer na imaxe.

sábado, 23 de junio de 2012

Fin de curso...de conto!

Como remate de fin de curso fixemos unha saída conxunta dos terceiros acompañados da profe Ale, Luisa e a profe Amparo. Algún cativo preguntou pola profe Amparo no autocar. Ela saíra antes para facer os preparativos do xogo de probas que preparou con moito agarimo e entusiasmo para este día. Como non, o resultado foi insuperable, pois os xogos supuxeron usar os miolos, traballo en equipo, promoción da lectura, da creatividade e da imaxinación... Esta compañeira de educación física e responsable da biblioteca sabe moi ben o que fai. Grazas Amparo!
En resumo a actividade consistía en superar dez probas que había que atopar en sobres espallados por unha zona delimitada previamente por Amparo. Os equipos eran mixtos (3º A-3ºB) e tiñan que responder ante tres fadas madriñas: a profe Amparo, a profe Luisa máis eu. Cada vez que superaban unha proba "rescataban un conto". Na proba final, cos contos rescatados houbo que ordenar as palabras máxicas para romper o feitizo e poder abrir o cofre dos tesouros. Nel había unhas preciosas mochilas e chuches variadas para todos.
Logo da merenda era momento de xogo libre e o pasamos moi ben. Os cativos insistiron en que xogara con eles e así o fixen, polo que non teño fotos. Se algunha compañeira documentou o momento xa me ocuparei de subilas.
Fixen un video resumo pero hai poucas fotos  porque os nenos estaban espallados nunha zona ampla e había que supervisar en xeral máis ocuparse dos equipos dos que era fada madriña. Pero se algo temos claro e que experiencias deste tipo hai que repetilas no futuro.

viernes, 22 de junio de 2012

Últimos avisos, por se acaso...

Rematamos as clases e a pesar de que todos teñen gañas de vacacións a algún costoulle marchar hoxe do cole despois de pasar unha divertida e tamén esgotadora mañá na praia de Cesantes.
Hoxe din varios avisos aos cativos, pero dadas as emocións do día non sei se chegaron ou non ás casas, así que por se alguén ve o blog...
  • A miña intención era que levaran as fichas que fixeron ao longo do curso hoxe para casa e que quedaran só as libretas, pois estamos valorando cales podemos seguir empregando o vindeiro curso e é unha pena facer que carguen con elas dúas veces. O caso das fichas é distinto. Estívenas agrupando por alumno na casa pero hoxe ao coller as cousas para levar para Cesantes e os sobres coas notas esquecín collelas. Levareinas para o cole a vindeira semana; se alguén quere vir recollelas non haberá problema e senon as recollen en setembro. Disculpádeme polo despiste.
  • Nos próximos días irei subindo videos de saidas, traballos etc que por problemas técnicos ás veces e outros por falta de tempo todavía non están colgados.
  • O blog no verán...se cadra non ten vacacións. Non será diario pero estade atentos porque aparecerá algunha sorpresiña (ben unha vez á semana ou cada quince días). O mesmo sucederá en setembro nos días previos ao comezo das clases.
Como o blog non se despide non vos digo adeus, senon ata a próxima!

martes, 19 de junio de 2012

Concurso de fotografía

Como actividade final de curso os centros pertencentes a Agrupaciones escolares acordaron facer co seu alumnado un concurso de fotografía. Nós aproveitamos para ter un cursiño rápido do tipo de fotos que podiamos facer e fixemos o proxecto de acción o mércores pasado para executalo ao día seguinte. Onte, luns, fixemos a entrega dos diplomas polo traballo realizado, ademais de otorgar dous premios especiais:
  • Un para Marta de 3º A por ser a mellor visita sorpresa do curso.
  • Outro para a profe Ale e Luisa porque gracias a elas a titora sae en moitas fotos cos seus cativos.
Déixovos co video das obras nos nosos artistas. Está en castelán para que os nenos e profes dos outros centros o entendan.

A fuga do fideo

Unha mamá dun alumno do CRA de Teo escribiu un bonito conto titulado "A fuga do fideo". A profe Susana pensou que sería boa idea facer un conto accesible para todos: para cegos, para xordos, para paralíticos cerebrais... Así que para facer a versión en bimodal falou coa profe Alejandra, que se encargou desta parte do proxecto coa colaboración de Brais, Irea e Alba. Este é o resultado:

domingo, 17 de junio de 2012

Unha foto, coa foto

Este curso o agasallo polo día da árbore foi unha foto de recordo. Así que, para recordalo tamén fixemos unha foto, coa foto.

jueves, 14 de junio de 2012

Diálogos de conto

Tal  e como avanzara anteriormente andivemos aproveitando actividades pendentes da área de lingua para traballalas dun xeito "diferente". No caso do diálogo aproveitamos para traballalo con persoaxes de distintos contos que tiñan cousas das que falar. Espero ter rematado nuns días o libro cos traballo, pero o que si rematamos foron as grabacións dos diálogos. Tendo en conta que os cativos ensaiaron nas súas casas e que no cole simplemente grabamos está claro que temos madera de artistas na clase. Xa estou pensando en como explotar ese talento o vindeiro curso...
Nada de falar do futuro cando aínda non rematou o presente curso. A disfrutar co video!

viernes, 1 de junio de 2012

Problemas, problemas e máis problemas (pero matemáticos)

Ou ben o luns 11 ou o martes 12 de xuño haberá un control de problemas. Aparte dos problemas que fagamos na clase e dos que levedes para a casa tamén podedes prepararos para o control por medio do blog. Na páxina de mate hai novos recursos para practicar os problemas (27-33) e o 34 para repasar o curso. Xa sabedes onde están asi que, adiante!

Fin da lectura silenciosa

Hoxe rematamos por este curso o PLSS: Plan de Lectura Silenciosa Sostida. Hai que recoñecer o bo é o malo e, se ben os cativos da Reboraina non se caracterizan por ser tranquiliños e estar sempre atentos, o certo é que non teño queixa do seu comportamento durante a lectura silenciosa dos xoves e dos venres (e sei por un paxariño que son do melloriño no cole neste aspecto). A ver se iso se traslada a outros momentos da semana e se xeraliza.
Como todos os cursos o acto de clausura da PLSS consistiu en compartir ese silencioso momento de amor á lectura, de alimento da nosa imaxinación, de engrase dos nosos cerebros...ao aire libre. Os cativos tiveron a misión de buscar un sitio axeitado durante o recreo. Velaí os tedes!

jueves, 31 de mayo de 2012

Para repasar para os controles...

A vindeira semana temos catro controles. Aparte dos libros tamén podedes empregar os recursos interactivos que subín ao blog. Coma sempre, podedes acceder directamente dende aquí ou ir á páxina de recursos correspondente.

lunes, 28 de mayo de 2012

Uns traballos...de conto!

A profe non estaba saltando algunhas partes dos temas das linguas sen máis, senón que quería traballalos dun xeito especial. Xa que o tema do curso son os contos...
  • Deixamos a carta e a descripción para poder facer un libriño con algo de imaxinación sobre as nosas fadas madriñas. Un debuxiño por aquí, unha descripción por acolá e unha carta pedíndolle tres desexos e...listo. Agora queda montalo todo. Entre pasar ao ordenador, pegar, plastificar e encadernar conto que entre finais desta semana ou principios da próxima podamos telo rematado.
  • No caso do diálogo andamos a facer algo especial e por parellas: diálogos entre persoaxes de distintos contos. Que se dirán entre eles? Sorpresa, sorpresa. Aínda anda a cousa un pouco verde, pero promete. A ver se para a vindeira semana xa temos o traballo rematado.